29.9.04

Unidade 1: A lingua. Características básicas

Morreu o nushu

O 23 de setembro de 2004 morreu Yang Huanyi, a única persoa do mundo capaz de falar, entender e escribir en nushu, lingua que morreu tamén con ela.
O feito de que unha lingua se vaia extinguindo, morra e desapareza convertíndose en obxecto de museo non é tan inusual como debera: calcúlase que un 40% das linguas que actualmente se falan no planeta desaparecerán ao longo deste século XXI. O que significa que un 40% da poboación mundial terá que deixar de comunicarse e expresarse nunha lingua de seu e comezar a utilizar unha lingua que lle é allea. ¿Deixaremos de dicir “quérote” para dicir “I´m loving it”?
O nushu era un idioma curioso e peculiar e, quizais por iso, a noticia da súa morte foi máis comentada que a doutras linguas: era a única linguaxe exclusivamente feminina do mundo. Con aproximadamente 1500 palabras, o nushu plasmábase en columnas verticais bordadas en panos e roupa. As mulleres da provincia de Hunan, en China, usábano para transmitir ás súas fillas consellos sobre a vida en parella e, tradicionalmente, os bordados se queimaban despois de recibidos os consellos, polo que se conservan poucos testemuños escritos.
Yang Huanyi, a única coñecedora desta lingua, afirmaba antes de morrer: “(O nushu) fixo as nosas vidas mellores porque nos ofreceu un modo de poder expresarnos”.


¿Para que nos serve unha lingua?

Privadas durante séculos de acceso a unha educación formal e regrada, as mulleres da provincia de Hunan necesitaban inventar un código particular, privado, que lles servira para poder comunicarse entre elas e transmitir de xeración en xeración aquelas ensinanzas que o sistema educativo chinés lles negaba. O nushu naceu, así, para dar solución a unha necesidade.
Momento National Geographic: Karl von Fisch estudou o comportamento das abellas como comunidade e comprobou que tiñan un código para comunicarse entre elas. Este código surxe, tamén, por unha necesidade imperiosa: comer. Cando unha abella descubre néctar, diríxese cara ao panal e voa por riba del. Dependendo da velocidade, da duración, do tamaño da área e da dirección na que a abella xire, as súas compañeiras saberán onde, a que distancia e en que cantidade van atopar o alimento. As abellas crean ese código para que só elas o entendan, de esa forma se aseguran que ningún outro insecto vaia descifrar a mensaxe da primeira abella e lles vaia roubar o néctar que descubriron.
¿Cales son as primeiras palabras que dicimos cando somos nenos?¿Non están tamén relacionadas coas nosas necesidades?

Logo xa temos unha das características básicas das linguas, das linguaxes: surxen porque as necesitamos, son unha NECESIDADE. E son necesarias por dous motivos básicos:

1) As linguas serven como INSTRUMENTO DE COMUNICACIÓN, DE EXPRESIÓN ENTRE PERSOAS e como FERRAMENTA DE TRABALLO... O coñecemento das linguas fainos sociais, útiles, libres e comunicativos.
2) As linguas serven como IDENTIDADE. Identifican a un individuo como membro do colectivo que fala esa lingua e o diferencia dos individuos que pertencen a outros colectivos.

Sabendo isto, ¿dámoslle ás linguas, á lingua que nós falamos, a importancia que realmente teñen?